O Club Sincro Ferrol participo na quinta xornada da Copa Promoción organizada no Real Club Náutico de Vigo, unha cita moi especial na que as nadadoras máis novas do club volveron demostrar o seu progreso, ilusión e bo traballo en equipo.💧
Na categoría Benxamín – Equipo, o Sincro Ferrol acadou un excelente resultado, proclamándose terceiras clasificadas cunha puntuación de 50,4954 puntos. Coa suma das figuras, o equipo finalizou a competición na cuarta posición da clasificación xeral. Nesta rutina participaron as deportistas Valeria, Area, Icía, Solomia e Miroslava, que realizaron un gran exercicio cheo de coordinación e seguridade.
Outro dos bailes presentados polo club foi o Combo Benxamín, que conseguiu a quinta posición cunha puntuación de 57,7500 puntos. Esta rutina estivo interpretada por Lara, Nya , Sofía, Valentina e Martina, que mostraron unha boa evolución técnica e unha gran actitude competitiva.
Na categoría Prebenxamín – Equipo, chegaron as boas novas coa consecución dunha segunda posición, que lles permitiu subir ao podio e colgarse a medalla de prata, cunha puntuación de 33,5 puntos. As protagonistas deste resultado foron Enara, Cloe, Carmen e Veronika , que realizaron un baile moi sólido e cheo de entusiasmo.
Dende o Club Sincro Ferrol queremos felicitar a todas as nadadoras polo seu esforzo e compromiso, así como ao equipo técnico polo seu traballo continuo. Esta quinta xornada da Copa Promoción confirma o bo camiño das nosas deportistas e anima a seguir traballando con ilusión nas vindeiras competicións.