O 15 de novembro, o Sincro Ferrol deu comezo á tempada deportiva coa súa participación na 1ª Liga de Figuras Alevín e Infantil, celebrada en Ourense. Esta primeira competición do curso supuxo unha importante toma de contacto para as nosas deportistas, que demostraron ilusión, esforzo e ganas de seguir medrando ao longo da tempada.

Na categoría alevín, o club estivo representado por Silvia Dobarro, que acadou unha excelente quinta posición, e por Noa Pico, que finalizou na décimo terceira posición, obtendo ambas moi boas sensacións nesta primeira xornada de liga.

En categoría infantil, participaron Blanca Leiras, que rematou na vixésimo oitava posición, sendo ademais terceira clasificada do ano 2013, e Marta Leiras, que acadou a trixésimo primeira posición, ocupando o quinto posto entre as nadadoras do 2013. Pechou a participación do Sincro Ferrol Julia Varela, que conseguiu a corenta e catro posición.

Dende o Sincro Ferrol queremos felicitar a todas as nosas nadadoras polo traballo realizado nesta primeira competición da tempada, así como ao equipo técnico polo seu acompañamento e preparación. Esta 1ª Liga de Figuras marca o inicio dun novo curso cheo de aprendizaxes, retos e ilusións.